Un moi bo profesor meu da miña etapa adolescente adoitaba ir berrando "¡orella!" clase por clase. El sempre nos explicaba que unha lingua é na súa gran maioría escoitar, escoitar e volver escoitar. Na derradeira sesión recordei con moito agarimo a este gran home. A el encantaríalle a frase: "Escoitamos un libro ó día, falamos un libro á semana, lemos un libro ó mes e escribimos un libro ó ano".
Segundo a miña propia experiencia, e a da maior parte das miñas compañeiras polo que teño escoitado, a actividade de Listening foi sempre algo que aborrecer. Na maior parte dos casos non se axeitaba ó nivel, non tiña o menor interese e non se adecuaba a situacións reais de comunicación.
Falando con sinceridade, en realidade a sesión de Listening non me resultou moi productiva. O profesor Gonzalo dedicouna a explicar un novo método, unha nova alternativa que suscitou máis preguntas que respostas. Finalmente non quedou moi claro de que trataba este método ó non vermos unha aplicación real, un exemplo de actuación.
O certo é que o método tradicional ten demasiadas feblezas. Ségueme abraiando esa intención de enganar e perder ó que escoita poñendo preguntas demasiado difíciles que non son capaces de responder, respostas que fan dubidar aínda máis que as preguntas. É incluso común entender perfectamente o que di o audio pero non saber responder, non atopar a resposta axeitada, dubidar. Na miña opinión, se alguén entende o que se di no audio, non debería ser difícil contestar. ¿A misión dun bo exercicio de Listening é que sexa tan difícil que non se saiba contestar?
Para frenar esta tendencia é moi importante un cambio radical. Os materiais deberían motivar ó alumnado. Ben é certo que as series actuais, por exemplo, motivan moito, pero non deben ser nunca os únicos materiais. Está claro que axudan pero tampouco queremos que os alumnos saiban comunicarse en Invernalia, senon no mundo real. Para isto é preciso unha aplicación en varios contextos. ¿Algunha idea?

No hay comentarios:
Publicar un comentario